Mercadona supera as 100.000 persoas no cadro de persoal

Mercadona supera as 100.000 persoas no cadro de persoal, todas con contratos fixos e de calidade

27 de febreiro de 2024
  • A compañía pecha 2023 cun cadro de persoal  composto por 104.000 persoas, 98.700 en España e 5.300 en Portugal, tras crear 5.000 novos empregos no último ano.
  • Dende o inicio da súa brutal transformación, anunciada a finais de 2016, Mercadona xerou 25.000 novos empregos, que en termos relativos supón un incremento do cadro de persoal do 32 %.
  • A compañía reforza a súa firme aposta por incorporar talento, clave para abordar os retos marcados nun sector tan competitivo como o da distribución.

Mercadona alcanza un novo fito: superar as 100.000 persoas no cadro de persoal, todas elas con contratos fixos e de calidade, feito que reflicte a firme e constante aposta da compañía por incorporar talento como factor clave no seu proxecto. En concreto, a cadea de supermercados físicos e de venda en liña pechou 2023 cun cadro de persoal composto por 104.000 persoas, 98.700 en España e 5.300 en Portugal, tras crear 5.000 empregos no último exercicio.

Vídeo en español

 

A evolución do cadro de persoal foi destacada nos últimos anos, fundamentalmente dende o inicio da brutal transformación de Mercadona, a finais de 2016, para consolidar un modelo de empresa máis dixital, produtivo e sostible. Dende ese momento, a compañía creou ata 25.000 novos empregos, que en termos relativos supón un incremento do 32 por cento. “É un orgullo poder dicir que xa somos unha familia de máis de cen mil persoas, cuxo compromiso nos permitiu lograr os retos marcados a pesar do contexto de incerteza que vivimos nos últimos anos”, apunta Paula Llop, directora de Responsabilidade Social de Mercadona.

No que respecta ao perfil do cadro de persoal de Mercadona, a maior porcentaxe de persoas (o 39 %) ten idades comprendidas entre os 40 e 49 anos; o 29 % son persoas entre 30 e 39 anos; un 16 %, maiores de 50 anos e outro 16 %, mozos de ata 29 anos. Ao ser unha compañía de supermercados, o groso do cadro de persoal (o 82 %) desenvolve o seu traballo en tendas, un 12 % en loxística e o 6 % restante, en oficinas. E se ben o 61 % do total son mulleres, crece a porcentaxe de directivas na compañía, ata alcanzar no momento do peche do exercicio o 47 %.

Consciente de que as traballadoras e os traballadores son o mellor activo dos clientes e esenciais para o crecemento empresarial, Mercadona avoga por un emprego estable e de calidade, con soldos por enriba da media do sector. Ademais, para garantir o poder adquisitivo do seu cadro de persoal, no marco do seu Modelo de Calidade Total mellorou un ano máis tanto o salario base como os complementos existentes cunha subida salarial acorde ao IPC, situando o salario mínimo na compañía en 1.553 euros brutos ao mes (un 17 por cento superior ao Salario Mínimo Interprofesional).

A iso súmase unha política de recursos humanos que aposta pola formación, a proxección profesional e o impulso ao talento. No balance de 2023 e en materia de formación, en concreto, cabe destacar os 110 millóns de euros destinados a consolidar e mellorar as habilidades e os coñecementos do seu cadro de persoal, que se concretaron en máis de 3,4 millóns de horas de formación. Así mesmo, 2.221 traballadoras e traballadores foron ascendidos a postos de maior responsabilidade, proba de que Mercadona é un proxecto empresarial que lle permite ao seu equipo crecer ao ritmo que o fai a compañía.

O cadro de persoal de Mercadona está formado por máis de 100.000 persoasMercadona pecha 2023 cun cadro de persoal composto por 104.000 persoas.