Equipo de traballo Mercadona IT

Mercadona amplía o seu equipo tecnolóxico coa apertura de hubs de desenvolvemento en Sevilla, Vigo, Santander e Porto

11 de decembro de 2023
  • O obxectivo é seguir avanzando no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que impulsen a transformación dixital da compañía.
  • Traballar con tecnoloxía de vangarda para crear grandes proxectos, cun equipo humano de referencia na industria e con posibilidade de facer carreira e crecer internamente, son algunhas das claves da proposta de valor de Mercadona.
  • Mercadona IT, área responsable do desenvolvemento tecnolóxico, conta actualmente cun equipo composto por máis de 1.000 persoas.

Un dos grandes retos que afronta Mercadona, compañía de supermercados físicos e en liña, é seguir traballando no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas únicas e punteiras que impulsen a transformación dixital da compañía. Abórdao a través da súa área denominada Mercadona IT, que traballa para crear as mellores solucións tecnolóxicas de cara a dixitalizar todos os procesos internos da empresa: dende a loxística aos recursos humanos, pasando polas finanzas ou a construción. Hoxe compoñen o departamento máis de 1.000 persoas e a idea é seguir crecendo para dar resposta a estas necesidades apostando polo talento interno.

Mercadona IT non só ten instalacións en Valencia, senón que abriu tamén hubs en Sevilla (onde hoxe traballan dez persoas), Vigo (cun equipo de oito informáticos), Santander (con doce) e a recente apertura dun novo equipo con sede en Porto. Os seus plans pasan por seguir incorporando talento nestas oficinas, poñendo o foco en perfís de desenvolvemento de software e aplicacións, ciberseguridade, infraestrutura e datos.

Dúas son as principais liñas de traballo de Mercadona IT: modernizar aplicacións xa existentes e que afectan a procesos ‘core’ da compañía, cunha folla de ruta que hoxe inclúe a reenxeñería de máis de 300 aplicacións; e dixitalizar novos procesos, “con tecnoloxías, arquitecturas e linguaxes punteiras”, segundo Serafín Fernández, director de Enxeñería Informática da compañía, quen avoga por ter o mellor equipo de profesionais. “A nosa aposta pola tecnoloxía e a innovación vai da man da formación dos nosos equipos, xa que investimos continuamente en formarnos nas últimas tecnoloxías e ‘skills’ a través da nosa Tech Academy”, engade.

Proposta de valor de Mercadona IT

Mercadona IT traballa de forma coordinada co negocio para coñecer as súas necesidades e poder ofrecer produtos e ferramentas tecnolóxicas que axuden a mellorar o traballo de todo o equipo da cadea de supermercados, garantindo a calidade e a seguridade; “logo podemos ver o impacto físico que ten o noso traballo nas nosas case 1.700 tendas e nos nosos bloques loxísticos e é moi gratificante”, destaca o director de Enxeñería Informática de Mercadona, quen detalla que a proposta de valor da compañía se asenta en tres piares fundamentais: tecnoloxía, desenvolvemento e equipo.

Tecnoloxía

Mercadona IT utiliza tecnoloxías de vangarda para crear grandes proxectos, con gran potencial de usuarios e impacto nas persoas. “Para iso contamos cun equipo con elevado nivel técnico, referente na industria. Xuntos definimos, creamos e aplicamos a tecnoloxía, vivimos os proxectos ‘end to end’ e podemos ver o impacto real e directo que teñen sobre o noso negocio”, comenta Serafín Fernández.

Desenvolvemento e Equipo

A compañía ofrécelles dende o primeiro momento aos profesionais todos os recursos necesarios para achegar valor e seguir crecendo nun ámbito estimulante e cheo de retos. “En Mercadona IT faise carreira crecendo na dirección que máis lle interese ao empregado. A nosa política retributiva é sólida e clara neste sentido”. 

Para máis información sobre as ofertas de emprego de Mercadona IT pódese consultar aquí.

Equipo de traballo Mercadona ITMercadona conta cun equipo de traballo composto por profesionais de referencia.

Profesionais sector tecnolóxico Mercadona  Informático nas instalacións de Mercadona.